galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

¿ESTÁN A CHEGAR OS DERRADEIROS TEMPOS DO MARISQUEO?

Por Antón Luaces

Se non hai remuda xeracional nun sector tan fundamental en Galicia como é o da pesca, semella que ese futuro non pinta mellor no do marisqueo, a teor do que dixeron dúas das tres mulleres do mar homenaxeadas polo concello de Ribeira nun nacto desenvolvido no Museo Municipal ribeirense e que presidiu o alcalde, Luis Pérez Barral.

Unha pequena embarcación que reproduce ás propias do mar de Arousa foi o agasallo que recibiron Julia Noya, mariscadora; Elena Rodríguez, loitadora incansable pola igualdade nos cupos, e Ángeles Betanzos, mariscadora. Ribeira, Aguiño-Carreira e Palmeira, foron sempre os lugares de actuación profesional destas tres mulleres que souberon realizar o seu labor ao tempo que superaron circunstancias tan desfavorables como era comprobar que, malia seren  profesionalmente mariscadoras, os homes que integraban algunha das confrarías locais de pescadores non as admitían nunha destas entidades de dereito público polo feito de seren mulleres.

Ata contra este tipo de adversidades tiveron que loitar as mulleres do mar de Ribeira. Hoxe en día, superados aqueles atrancos vixentes nun pasado non tan lonxano, Julia, Elena e Ángeles contemplan con desazón un futuro pròximo no que o marisco (actualmente básico na economía familiar e mesmo local) non sexa máis que a lembranza dun tempo no que foi -e ainda é- tan necesario, tan indispensable como o foron os barquiños reproducidos no galano que lles fixo o seu concello no Día Internacional da Muller no Sector Marítimo. Unha actividade, a do mar, que supón para Ribeira o 32% do seu Produto Interior Bruto (PIB). 

Que é o que fai desconfiar ás tres premiadas do futuro do seu sector?. 

Pois para min, lector amigo, nen máis nen menos ca resposta do medio ás súas demandas de máis e mellores exemplares, que a ría de Arousa siga a ser a despensa da que sempre se serviron para comeren eles/elas e que, por causas moitas veces alleas ao simple feito de sementar nos parques, atender, defender e coidar estes da acción furtiva e da incomprensión dos “fodechinchos”, tan dados estes a crer que o marisco é de todos, durante todo o ano, sen respectar vedas nen o traballo dos profesionais do sector, esa resposta agardada, desexada e tantas veces temida, quede afundida para sempre nas lameiras que provocan os vertidos mineiros contaminantes, as chuvieiras incontrolables e os residuos plásticos, as cabichas abandonadas inconscientemente polos menos conscientes bañistas ou visitantes circunstanciais das praias. E, obviamente, a borralla que a choiva trae ao mar dos montes tantas veces queimados adrede e non por mans inocentes, precísamente. 

Pena da ter que recoñecer que non son inxustificados os medos de Elena Rodríguez, Julia Noya e Ángeles Betanzos ás que, dende este curruncho do Barbanza, quero agradecer o seu labor, o seu exemplo e a súa entrega a unha non sempre grata tarefa.

ANTÓN LUACES